Páxinas

domingo, 29 de decembro de 2013

Fade Out (2013)




FADE OUT
escuridade total. a muller-verme avanza desde a parte posterior do escenario. son amplificado do seu movemento. chega. acéndese un foco fronte ó seu corpo. aplausos gravados. coma sempre hoxe tamén vou falar de min. risas. silencio. do meu pasado. só do meu pasado. todo o que son quedou alá. agora non son nada. e o futuro pausa o futuro non existe. risas. a muller-verme ponse en marcha. un foco situado á esquerda da muller-verme acéndese mentres se apaga o foco frontal. a muller-verme deténse. meu pai. miña nai. podo comezar por eles. a fin de contas a eles débolle-las primeiras frases lapidarias. os primeiros silencios. a muller-verme imita a voz do pai: ¡non te arrastres! risas. a muller-verme imita a voz da nai: a cabeza erguida. a cabeza erguida. foco frontal in – foco lateral esquerdo out. a muller-verme estira o pescozo e move a cabeza primeiro á esquerda e logo á dereita. eles nunca me puxeron a man enriba. mostraron sempre a maior das consideracións para coa miña pausa digamos inclinación artística. silencio. saca a lingua. foco esquerdo in – foco frontal out. desde o mesmo berce chamou a atención a miña innata disposición para a provocación pausa para representar pantomimas dubida cómicas diante das máis variadas audiencias. risas. foco frontal in - foco esquerdo out. ¡que tempos! seguro que hai alguén que recorda as miñas reviravoltas. agarda expectante. a muller-verme prosegue nun ton desesperadamente convincente: porque eu fun unha bailarina afamada move o corpo sen desprazarse requirida por reputados antros nos que cada día entre a suor e o alcol pegañentos desvelaba sen présa os sete veos da desvergonza executando unha danza hipnótica pausa suxestiva pausa orxiástica ata a mesma extenuación da noite. gargalladas. foco esquerdo in – foco frontal out. aqueles pasos de baile que eu aprendera soa como case todo o que aprendín na miña vida diante dun espello de corpo enteiro que alguén deixara arrombado no faiado non me levaron moi lonxe. un foco situado á dereita da muller-verme acéndese mentres se apaga o foco esquerdo ó tempo que a muller-verme xira 90º cara a dereita e avanza un metro. deténse. un día pausa pode que un día claro pausa luminoso pausa tomei a decisión de saír da casa. risas e aplausos débiles. creo que por primeira vez. de saír digo. non de marchar da casa non. iso viría máis tarde. silencio. nunca. a muller-verme xira 90º e queda “de costas” ó público. avanza un metro. xa imaxinaba que non habería onde ir. o norte e o sur non teñen un sentido claro. por non falar do leste e do oeste. pero eu nunca fun das que paran quietas. aínda que iso foi o que sempre fixen. ata agora. ata agora mesmo que non son nada. silencio. se tan sequera puidese senti-la brisa acariciando ou ergue ostensiblemente a cabeza losqueando aplausos a miña cara. inclina a cabeza. inspira. cheiro a bosta. coma se levase o campo dentro de min. gargalladas. a muller-verme xira 90º á súa dereita e avanza un metro. foco esquerdo in. saca a lingua. foco dereito out. en calquera caso fun ó meu. non podo dicir outra cousa. cambiei isto por aquilo e tomei decisións pausa precipitadas. sen ter en conta a onde me levarían. pero quen sabe. a muller-verme mira a un lado e a outro. xira 90º e queda de fronte ó público. foco dereito in. avanza un metro. foco frontal in. saca a lingua. risas illadas. fade out. aplausos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario